Thursday 16 de May de 2024

Ata este mércores para inscribirse no Concurso de Escaparates e Decoracións Hostaleira do Nadal de Riveira


O Concello de Riveira, e a Asociación de Empresarios de Riveira, organizan un “Concurso de Escaparates de Nadal” e un “Concurso de Decoración de Hostalería no Nadal”, co obxectivo xeral de premiar por un lado a dedicación e esforzo dos e das comerciantes e hostaleir@s á hora de decorar os seus negocios xa que é unha maneira atractiva de atraer á clientela, á vez que engalanan as rúas do municipio de Riveira, e invitan a visitar as súas rúas comerciais, favorecendo o comercio de proximidade e a participación cidadá, premiando ademais ós cidadáns que valoren os escaparates e locais hostaleiros participantes na iniciativa.

Os concursos realizaranse conforme as seguintes bases:

BASES
PRIMEIRA.- Poderán participar neste concurso todos os establecementos comerciais e locais hostaleiros do Concello de Riveira.
A inscrición neste concurso supón a aceptación das presentes condicións de participación, así como de eventuais instrucións que adopte a organización.

SEGUNDA.- A temática do concurso é o Nadal dispoñendo neste ámbito os participantes de total liberdade creativa.

TERCEIRA.- A exposición de escaparates e decoración de locais hostaleiros deberá efectuarse entre os días 18 de decembro de 2015 e o 6 de xaneiro de 2016, ambos inclusive.

CUARTA.- Para participar neste concurso deberán inscribirse antes das 13:00 horas do día 16 de decembro. en calquera dos seguintes contactos:

INFORMACIÓN EN INSCRICIÓN:

Asociación de Empresarios de Riveira
Tel.: 981873719; correo@empresariosriveira.com.

QUINTA.- Haberá un único premio por concurso, que consistirá nun agasallo conmemorativo e un diploma que se outorgará polo recoñecemento popular a través da clientela dos establecementos participantes, emitindo o seu voto a través das papeletas de votación que haberá en cada local que tome parte nos concursos.

Os locais recibirán unhas urnas de votación nas que se introducirán as papeletas. Todos os locais participantes recibirán un diploma conmemorativo. Resultará gañador o establecemento que obteña o maior número de votos en cada un dos concursos tras o reconto nos establecementos participantes.

Tamén se sorteará 200 € entre os votantes: 100 € en vales de compra e outros 100 € en vales de consumición entre os clientes que participen en cada un dos concursos emitindo a súa votación.

Durante os días 7 e 8 de xaneiro a organización recollerá as urnas facilitadas aos establecementos participantes para proceder ao reconto de votos. Se algún dos establecementos participantes estivese pechado nesas datas, estarán obrigados a devolver as urnas de participación, pois o seu contido está sometido á Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal. De non cumprir este requisito, a organización poderá decidir que o establecemento perda os dereitos de participación e que sexan anuladas as papeletas desas urnas.

Antes do 15 de xaneiro realizarase nas dependencias do Concello o reconto de papeletas. Ao finalizar o reconto, asinarase a correspondente acta co resultado das votacións. A asistencia será libre e comunicarase previamente de xeito público.

A entrega de premios terá lugar no mes de xaneiro de 2016, na data, lugar e hora que a organización de concurso determine, o cal será comunicado a os participantes e a opinión pública en xeral.

SEXTA.- Poderán participar todos os clientes que realicen as súas compras nos establecementos inscritos no concurso de escaparatismo e aos que realicen consumicións nos locais participantes no concurso de decoración de Hostalería durante o período no que os concursos estean en vigor e que cumpran os seguintes requisitos:

-Ser maiores de idade

-Facer compras polo menos en tres establecementos inscritos en este concurso de escaparatismo para poder votalo, ou realizar tres consumicións nos locais hostaleiros participantes no concurso de decoración hostaleira para ter dereito a voto neste outro certame.

Cada cliente poderá obter papeletas de puntuación e posterior votación en calquera dos establecementos participantes. Unha vez feita a compra ou consumición nun dos establecementos inscritos, o cliente deberá pedir que a súa papeleta de votación sexa selada polo establecemento ou, no seu defecto, asinada polo responsable do mesmo.

O cliente escribirá na papeleta o nome do establecemento que considera como gañador en cada un dos concursos. Ata que unha papeleta non teña tres selos ou sinaturas de distintos establecementos, o cliente non poderá depositala nunha das urnas de votación dos concursos. En calquera caso, as papeletas que non teñan os tres selos ou sinaturas distintas non serán válidas.

Cada papeleta debidamente cuberta e depositada nunha urna de votación entrará no sorteo dun premio de 100€ en vales de compra para gastar nos establecementos participantes no concurso de escaparatismo e un premio de 100€ en consumicións para utilizar nos locais participantes no concurso de hostalaría, co obxecto de recompensar e impulsar a participación do público.

Non hai límite na participación por cliente, o único requisito é que cada papeleta debe ter selos e certificados de tres establecementos distintos participantes en cada categoría para ser válida. Este é un requisito imprescindible para considerar válida a papeleta, tanto para ter en conta a votación do premio para o concurso de escaparates, como para o premio para os clientes.

A organización resérvase o dereito de anular calquera participación ou a calquera participante, perdendo estes o dereito de recibir o premio, no caso de realizarse un uso fraudulento. Os clientes gañadores serán elixidos mediante sorteo.

Os premios do presente concurso en ningún caso poderán ser obxecto de troco, cambio, alteración ou compensación a petición do gañador do seu importe en metálico nin por outros produtos e/ou servizos distintos dos que no seu caso corresponda.

A organización porase en contacto cos premiados a través do número facilitado por estes nas papeletas. O período de reclamación da presente promoción finaliza transcorridos tres días a contar desde o día seguinte á data do sorteo.

De non localizarse algún ou algúns dos gañadores ou de renunciar o gañador ao premio, este perderá o seu dereito ao premio e o Concello e a Asociación de Empresarios resérvase o dereito de proceder á entrega do premio a un suplente ou entregalo a unha entidade benéfica con sede na cidade de Riveira.

En ningún caso a organización se fará responsable dos gastos de desprazamento dos gañadores e posibles acompañantes ao lugar onde debe materializarse o premio. Ambas entidades quedan exentas de calquera responsabilidade polos danos derivados do uso do premio que puidesen sufrir o premiado ou terceiros, e non serán responsables das incidencias derivadas na execución da presente promoción por causas de forza maior.

SÉPTIMA.- O evento será publicado nas diferentes redes sociais e páxinas web. O nome dos establecementos participantes figurarán nos folletos de difusión ao público en xeral.

OITAVA.- A organización entregará a cada establecemento o material de publicidade, urnas e cupóns de votación para o público. O establecemento deberá comprometerse a telos nun lugar visible e accesible aos seus clientes.

Unha vez finalizado o concurso, os establecementos entregarán á organización as urnas e material sobrante.

NOVENA.- A participación na devandita promoción supón a aceptación das presentes bases así como a aceptación do criterio que estableza a organización para resolver cantas cuestións se producisen durante o desenvolvemento do concurso.

En cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, a organización informa que os datos que se faciliten para participar nesta promoción, xunto cos que se comuniquen no caso de resultar premiado, son necesarios para participar na promoción e serán destruídos unha vez finalizada a mesma.

Calquera dúbida será atendida pola Asociación de Empresarios de Riveira ou polo Concello de Riveira.